viernes, 20 de abril de 2012

7 de xullo


Si, señor, eu dígolle a verdade. Só a verdade. A mentira empobrece o ser humano. Iso di meu pai. E a min aprendéronme a non mentir nunca. Aquela mañá erguinme ben cedo. Tiña esas formigas rebulindo pola barriga, as formigas que espreguizan cada semana cando merco o billete a Kings's Cross. Como di? Cada semana? Si, claro, fago esa viaxe cada semana. Xa sei que é un traxecto longo pero os domingos, como non teño que ir á escola, gústame viaxar ao centro. Londres non é unha cidade tan complicada e eu, eu non son unha cativa. Teño dezaoito anos, sabe? O dia do meu aniversario regaláronme un libro de arte. Que regalo tan bonito! A miña irmá sabe que o que máis me gusta no mundo é a arte. Por iso vou cada domingo ao Museo Británico. O libro? O libro é de arte exipcia. Non imaxina a ilusión que me fixo! Si, céntrome no que estamos a falar. Ao principio, á miña nai non lle gustaba a idea de deixarme viaxar soa. Dicía que hai moitos perigos na cidade, especialmente para nós. Di que hai moito depravado por aí solto. Eu nacín en Gran Bretaña, si señor, nacín no barrio de Beeston, en Leeds, ao norte de Londres. Levo toda a vida alí. Dezaoito anos no barrio de acaroados de tixolos vermellos, sempre na mesma escola. Nadia é a mina mellor amiga. Compartimos moitas cousas agás a arte. A ela a arte non lle gusta. Por iso os domingos nunca quere vir comigo. Algunhas veces facíao pero só para que a miña nai non se preocupase. Ela nin sequera entraba. Non, non, que va. Ela nunca entraba. Só unha vez que arroiaba e non tiña onde se refuxiar da chuvia. Aquel día Nadia entrou. Non lle gustou nada o que viu. Ela disimulaba como podía e preguntábame por esta escultura e por aqueloutro friso pero eu sei que non lle importaba en absoluto. Perdía os ollos atrás de cada rapaz que pasaba! Si, claro que nos gustan os mozos europeos. Non vaia pensar! O Museo Británico é o mellor lugar do mundo para coñecer persoas doutras razas, cores, idades e niveis culturais. É o lugar obrigado de todo turista que viaxa a Londres. Os xaponeses son moi guapos, así, caladiños, permanecen absortos durante horas perante o Partenón grego sen dicir palabra... Os italianos intúelos desde a distancia. Berran tanto coma os españois. Este ano, sabe?, en Italia lévanse as lentes grandes e o pelo así, revirado cara a arriba. Son moi fachendosos. gústame oílos falar. [...] Volvo, volvo, non se preocupe. Esa mañá collín soa o tren. Non, non era domingo pero xa estabamos de vacacións. O sete de xullo. Si, claro que levaba mochila. Procuro aproveitar o tempo ao máximo cando vou á City. Na mochila levo decote un bocadillo e dúas pezas de froita porque a comida do centro é carísima agás os burguers pero, xa imaxina, eu non podo comer diso. Tamén un zume, un xersei, un lapis e un caderno. Gústame debuxar. Amoseille os meus debuxos? Mellorei moito nos últimos anos. O malo é que no British, nós chamámoslle así, non me podo sentar onde quero e, case sempre teño que debuxar de pé. Si, na National Gallery hai bancadas pero no British, non. Xa non me doen tanto os brazos coma ao principio, tiña unhas maniotas aquí nos pulsos! Mire, mire, gardo aquí mesmo o caderno. Ve? Estes son diferentes fragmentos da pedra Rosseta. Descubriuse no
delta occidental do Nilo en 1799. As inscricións en grego e exipcio antigo —nese detalle lese mellor— rexistran o mesmo acontecemento do ano 196 antes de Cristo. Nesta pedra está a clave para descifrar os xeróglifos exipcios, non lle parece marabilloso! [...] Se viaxei algunha vez a Exipto? Non, non señor, claro que non, pero gustaríame moito. Non, nunca saín de Londres e os meus irmáns tampouco. Outra vez? Claro que me gustaría ir a Exipto. Gustaríame tanto ver a sombra das pirámides na caída da tarde e sucar o Nilo e ver os templos de Abu Simbel! Só por iso? Si, so por iso. Acaso por que? Volvín perder o fío, seino, pero vostede tampouco axuda. Aquel día madruguei e entrei case de primeira no Grande Adro do museo. As salas non abren ata as 10:00 pero eu quero ir moi lixeira porque, do contrario, hai demasiado balbordo. Por iso madrugo tanto e ás 8:45 xa estaba na porta. Non notei nada raro, nin no bus nin no tren. Nada. Na nosa parada estaban os mesmos rapaces de sempre. Non vin nada fóra do normal. Nada. De verdade. Nada. Eu quería entrar no British ás dez en punto. Pretendía ir rapidamente en dirección á sala 63. Cada dia vou debuxar a unha sala distinta. Pode preguntarlles aos gardas de seguridade, a Nelson ou a James, que me coñecen ben. Aquel día quería ir á sala 63 para debuxar as momias. Hai unha venda que se me resiste. Non son capaz de captar os fíos machucados polos séculos. Ve? Esta de aquí. Todos os debuxos teñen anotacións co día e a hora á que foron debuxados. Este é do dia 6 de xullo de 2005. Non hai apuntamentos do día 7 porque, xusto antes de entrarmos, soubemos o que sucedera no autobús e no metro. Sóubeno alí. Si. Sóubeno alí, no Grande Adro do Museo Británico. A xente comezou a poñerse nerviosa e a falar e a correr. Falaban de bombas e de estoupidos e dunha gran traxedia. Pregunteille a dúas ou tres persoas pero non me deron razón así que dei en correr pola rúa. Necesitaba saber que pasara. Preocupeime pola miña familia, claro que me preocupei. Quería saber que acontecera. E comecei a dar voltas e voltas. A xente corría dun lado para outro como animais espantados. Pecharon o metro e as caras de preocupación sucedíanse. Foi como un pesadelo. Claro que tiven medo, claro que tiven medo. Non sei por que acabei preto do cordón policial, acabei alí porque... pois por puro pánico. Saíra do British absolutamente atordada e deixeime levar pola marea humana que deambulaba pola rúa. Non, señor, non agardaba atopar a ninguén coñecido. So quería saber como volver a casa. Como estaba a miña familia. Non, señor, non sei cantas horas pasaron. O que si lle podo dicir é como me miraba a xente. Ollábame con odio, con rancor, con receo. Achegueime a varias rapazas para preguntarlles que acontecía e afastáronse de min con autentico terror. Logo achegueime a un home ao que lle sangraba a cara e volveu esquivarme. Non sabia por que me miraban así. Non sabía por que. Que lles fixera eu. Logo entendín. Bomb, bomb, bomb!!!!, berraban e aquela calor, e a xente ensanguentada, e o metro pechado e o teléfono sen cobertura... Preocupeime pola mina familia, señor, vostede faría o mesmo. Si, señor, sei que o 7 de xullo, pouco antes das nove da mañá, morreron medio cento de persoas en varios atentados practicamente simultáneos no centro de Londres. Seino perfectamente porque puiden ser unha delas. Foi cuestión de minutos. Tamén sei que os supostos terroristas eran veciños meus de Leeds e, si señor, claro que os coñecía. Eran uns rapaces encantadores. Pero eu non sei nada máis señor, nada máis. Supoño que se eu non fose filla de árabes non me faría todas estas preguntas. Xa sei que é o seu traballo, señor. Pero aquela mañá eu so quería debuxar un pequeno anaco de venda dunha momia do Museo Británico. E, si señor, a min os pesadelos tamén me espertan aínda pola noite.
Rosa Aneiros, «7-X» en Contos de colonias escolares, belas adormecidas...


COMPRENSIÓN
1. Ofrece o significado deltas palabras da lectura.
aniversario - arroiar - friso - absorto
perante - balbordo - adro - atordada

2. No texto aparecen diversos xentilicios, e dicir, adxectivos que indican a orixe xeográfica de algo ou de alguén. Localízaos. 
   Xentilicios: ....


3. A protagonista da lectura diríxese directamente a alguén en varias ocasións. Tira exemplos disto e despois responde razoadamente estas cuestións:
• Quen e, na túa opinión, a persoa coa que fala a rapaza?
• Que tipo de diálogo están a manter?
— En parellas, contrastade as vosas respostas.


4. Elixe a opci6n que completa correctamente estas afirmacións relativas protagonista da lectura.
• Cada domingo col lia un billete con destino a estación de...
    A: Charing Cross.
    B: King's Cross.
    C: Victoria Station.
• Polo seu aniversario a súa irma regaloulle...
    A: un DVD sabre o antigo Exipto.
    B: un ha réplica da pedra Rosseta.
    C: un libro de arte exipcia.
• A súa amiga Nadia entrou só unha vez no British e fíxoo porque...
    A: fóra chovía moito.
    B: seguiu un rapaces italianos.
    C: necesitaba ir ao baño.
• O día dos atentados, ía a sala 63 do British para pintar...
    A: unhas momias.
    B: o busto dun faraón.
    C: o friso do Partenón.


5. Tendo en conta a información que ofrece o texto, anota nunha ficha coma a seguinte todo o que saibas sobre a rapaza protagonista.


REFLEXIÓN
6. Lede na aula en voz alta o fragmento que vai desde «O que si lle podo dicir» ata «non me faría todas estas preguntas». Despois organizade un coloquio sobre o seu contido.


CREACIÓN
7. En parellas, investigade sobre a cidade na que se sitúa a lectura: Londres.
— Consultade todo tipo de fontes: enciclopedias, guías turísticas, Internet...
— Recollede a información básica de forma esquemática: historia, extensión e demografía, lugares de interese.
— Incluíde tamén: información sobre os atentados do 7 de xullo do 2005 mencionados na lectura.
— Finalmente, reunidevos varias parellas e intercambiade os vosos datos. Comentade semellanzas e diferenzas.

viernes, 6 de abril de 2012

A pedra de facer sopa


Este era un soldado que volvía da guerra. Chegou a unha aldea, un día de frío adoecido, vento fungón e ceo nubrado. Traía fame. Detívose diante dunha casa e pediu algo para comer. 
—Non temos cousa ningunha, nin sequera para nós —dixéronlle—. E o soldado seguiu o seu camiño. 
Detívose noutra casa e pediu un codecho de pan. 
—Non temos pan nin para nós —volvéronlle a dicir, 
—Tedes unha pota grande? —preguntou o soldado. 
—Si, temos un pote de ferro. 
—Tedes un pouco de auga? —seguiu preguntando. 
—Pois si, auga hai abondo. 
—Enchede de auga o pote e poñédeo ao lume —dixo o soldado—, pois eu teño unha pedra para facer sopa. 
—Unha pedra para facer sopa? —preguntaron—. Que é iso? 
—Pois é unha pedra coa que se fai sopa —explicou. 
Todos se puxeron ao seu redor para ver tal marabilla. 
A dona da casa encheu o pote de auga e púxoo ao lume, sobre dunha trepia. O soldado sacou unha pedra do peto, unha pedra que tiña semellanza con calquera pedra que un pode atopar no camiño, e botouna dentro do pote. 
—Agora, deixádea que ferva —dixo. De maneira que todos se sentaron a agardar que a auga fervese—. Podedes darme un chisco de sal? —engadiu. 
—Pois si —dixo a muller, e sacou o sal dun cacharriño de lata. O soldado colleu unha manda e botouna dentro do pote. Todos seguían agardando. 
—Unhas poucas cenorias non lle virían mal a esta sopa —dixo o soldado con certa nostalxia. 
—Ouh, se é por iso, temos algunhas —dixo a muller, e sacándoas de debaixo do alzadeiro onde o soldado xa as vira, entregoullas. E as cenorias foron axiña para dentro do pote. Mentras fervían, o soldado botouse a contarlles a súa aventura. 
—Unhas patacas viríanlle ben, non lles parece? —dixo o soldado—. Daríanlle un bo tento. 
—Temos algunhas patacas —dixo a filla maior da familia. 
De xeito que as espelicaron, botáronas no pote e seguiron agardando que todo aquilo fervese. 
—Unha cebola, se a houbese... —continuou dicindo o soldado. 
—Corre á casa do noso veciño e pídelle unha cebola —ordenoulle o home da casa á filla máis nova. 
A rapaza foi, e houbo cebola. 
Sentados darredor do lume, puxéronse todos a conta historias. 
—...e non probei repolo desde que saín da casa de mina nai 
—dicía o soldado. 
—Corre á horta e arrinca un repolo —dixo a nai. E un rapaciño saíu a todo dar e voltou cun repolo que se lle engadiu ao caldo. 
—Xa non tardará moito —exclamou o soldado, lambendo o bico. 
—Soamente un pouquiño máis —dixo a muller, mentres remexía cunha garfela
Nesa, chegou o fillo maior da familia. Saíra de caza e viña con dous coellos. 
—Xusto o que precisamos para lle dar o toque derradeiro! —dixo o soldado. E en pouco tempo estiveron os coellos esfolados, cortados en anacos e metidos no pote. 
—Ouh, que bo ulido ten esta sopa! —dixo o cazador. 
—É que o viaxeiro trouxo unha pedra e con ela esta arranxando esta sopa —aclaroulle o pai. 
Por fin a sopa quedou cociñada, foi servida e todos quedaron coa barriga satisfeita. 
—É unha sopa marabillosa —dixo o home da casa. —E unha pedra de moito valer —dixo a súa muller. 
—Así é —engadiu o soldado— e sempre sairá así se facedes o que vos fun indicando hoxe. 
Cando remataron a sopa, o soldado despediuse. Para pagar a hospitalidade, deulle a pedra como regalo á dona da casa. A muller agradeceullo moito. 
—Non é nada —dixo o soldado, e foise daquela casa e da aldea sen a súa pedra. 
Pero tivo a sorte de atopar outra un pouco antes de chegar á seguinte aldea. 
Xosé Neira Vilas, Contos vellos para rapaces novos


COMPRENSIÓN

1. Asocia as palabras coas súas sinónimas tiradas da lectura.

deseguido - portento - agasallo - fragmento - prodixio - presente
parecido - suficiente - similitude - abondo - decontado - cacho 


    abondo - ........... - …....... 
    axiña - ........... - …....... 
    marabilla - ........... - …....... 
    anaco - ........... - …....... 
    semellanza - ........... - …....... 
    regalo - ........... - …....... 

2. Indica que significan no seu contexto estas expresións coloquiais. 
    «un bo tento» - ...........
    «lambendo o bico» - ...........
    «a todo dar» - ...........
    «de moito valer» - ...........

3. A lectura ten abundante léxico relacionado coa cocina e cos alimentos. Identifícao e clasifícao nunha táboa coma a seguinte. 
--- En parellas, revisade e ampliade as vosas listaxes. 

4. Indica se estas afirmacións son certas (C) ou falsas (F). Despois transforma as falsas en certas. 
    A. Cando o soldado chegou á primeira aldea ía vento e moito frío: ....  
    B. Quen botou unha manda de sal ao pote foi a muller da casa: .... 
    C. As cenorias estaban enriba do alzadeiro da cociña: .... 
    D. A cebola houbo que pedila na casa dun veciño: .... 
    E. O derradeiro ingrediente que se botou á sopa foi o repolo: .... 


5. Identifica a estrutura do conto. 

REFLEXIÓN 

6. Elixe entre esta serie de conceptos os dous que, na túa opinión, mais se relacionan co contido da lectura. 
pobreza - enxeño - solidariedade - mesquindade - paz - fame - riqueza 
--- En grupos, contrastade e comentade razoadamente as vosas respostas. 

CREACIÓN 

7. Organizade na aula unha sesión de lectura de contos populares galegos. Seguide estas indicacións: 
—Busca un conto popular galego que che guste. Fai a pescuda, por exemplo, na biblioteca do teu centro. 
—Despois, na aula e seguindo as quendas que indique o profesor ou profesora, lede en voz alta os diferentes contos seleccionados. 
—Finalmente, comentade tales vos gustaron máis e por que.

Valentino e Âkil



De como se atopan Valentino Rufini e Âkil Pillabán nunha casa en ruínas as aforas de Venecia en pleno século XVIII e tratan de relixión, que no século XXI segue a ser asunto de contenda. 
(Entra Valentino, cargando a leña. Âkil, sentado no chan, fítao asustado, sen dicir nada) Valentino.- (Ve de pasada a Âkil e saúdao) Boas tardes. (Âkil fica calado. Valentino pousa no outro extremo a leña. Daquela fica detido, érguese súbito e xlrase. Comprendeu que había alguén no cosa) 
Valentino.- (Asustado, sinalando a Âkil) Aaaah!!! 
Âkil.- (Sinalando a Valentino) Aaaah!!! 
Valentino.- (Sinalándoo) Aaaah!!! 
Âkil.- (Sinalándoo) Aaaah!!! 
Valentino.- (Descobre que ten postas as súas botas. Sinalándoas e mudando o ton) Aaaah!!! 
Âkil.- (Sinalandoo as botas) Aaaahhh! 
Valentino.- As... as botas! Dáme as botas!! 
Âkil,- Si, home, si. 
Valentino.- (Tirando o florete) Mal cheiro te confunda, animal! Haberás darme esas botas ou levarás un bo castigo. 
Âkil.- (Collendo a paleta de albanel) Pois haberá que velo. 
Valentino.- En garde, cochon! (Prepárase) 
Âkil.- (Ponse en pé) Vale, vale, vale... ah! (Resulta que as botas non lle acaen a Âkil. Sonlle pequenas. Así, a dramaturxia de toda a pelexa consiste en que Valentino só ataca a paleta de Âkil, quen en ningún momento pelexa, senón que camiña magoando os pés a golpe de
«ai», «oi», «ui», «au», «ei», mentres sostén en alto a paleta) 
Valentino.- (Detense un instante e mira a Âkil a queixarse. Presuntuoso) Xa tes abondo? Queres máis? 
Âkil.- (Sorprendido, mira a Valentino. Abrindo a boca nun bocexo e movendo a cabeza) Eh? Valentino.- Aaaah! Que xesto insolente! Acabarei contigo, carracha noxenta! 
(Âkil, ao xirarse cara a Valentino, deixa a man do paleta a media altura. El permanece quedo, mentres Valentino comeza unha loita feroz contra a paleta de Âkil, que non se move nada e observa sorprendido a Valentino pelexando contra a súa paleta. Valentino avanza, retrocede, esquiva, salta, agóchase, maldí, berra... Finalmente cansa, e xa golpea sen forza) 
Âkil.- (Move un pé) Au! (Anícase para tocar a bota que lle manca) 
Valentino.- (Esgotado e satisfeito) Aaah, covarde! Pides papas! Está ben, Valentino Rufini é un cabaleiro e sabe perdoar. Agora, dáme as botas. 
Âkil.- (Sentando e quitando as botas) Estas botas quédanlle pequenas a Âkil. 
(Canta o galo) 
Âkil.- (Nervioso, dando voltas) Ah, o galo cantou quiquiriquí...! (Por fin atopa a orientación correcta e prepárase para se axeonllar, dando as costas a Valentino, pois ten a intención de rezar) 
Valentino.- (Ofendido) Eh! Maldito! Por que me ensinas o cu? (Âkil anícase e comeza a orar coma o fan os musulmáns, sen lle prestar atención a Valentino). Eh, ti, ensínalle o cu a outro, pero a min non! Non sexas cocho! 
Âkil.- Que dicides! Estaba rezando! 
Valentino.- Rezando? Dis rezando?! Ave María Purísima! (Escandalizado axeónllase e comeza a persignarse repetidamente, murmurando polo baixo oracións do tipo «Señor, perdóao que non sabe a que di». Âkil asústase e retrocede) 
Âkil.- Que facedes? Por que vos rabuñades así? Tedes piollos? (Valentino segue persignándose sen falar). Sodes ben porco, abofé. 
Valentino.- (Erguese) Que dixeches?! 
Âkil.- Que sodes un cocho, que se vos rabuñades así é porque debedes ter negro da rona ata o cu. Porco! 
Valentino.- Que maneira e esa de falar? Estaba rezando! 
Âkil.- Rezando? 
Valentino.- Rezando. 
Âkil.- Así non se reza. Rézase así. (Âkil axeónllase de fronte ao público e reza unha vez como o fan os musulmáns) 
Valentino.- Pero que dis, incauto? E así como se reza! (Valentino axeónllase fronte ao público e persígnase unha vez) 
(Os dous están axeonllados, un do lado doutro) 
Âkil.- Non, non e non. Rézase así. (Colle a Valentino por detrás e móveo facéndoo orar coma un musulmán) 
Valentino.- (Cando se ergue) Non, non e non. É así como se reza. (Da mesma maneira, colle o brazo de Âkil e móvelle a man persignándose) (Cando acaba, Âkil fita enfadado a Valentino, e este rosma. Así, fronte a fronte, fítanse un instante, retándose. Soa a musica típica dun duelo de película do Oeste. Entón cada un empeza a rezar do seu xeito, cada vez máis rápido. Ata que caen desfalecidos) 
Valentino.- Está ben. Tanto ten como reces ti, faino como che pete. 
Âkil.- Vos tamén. Rezade como vos praza, a min tanto me ten. 
(Os dous recuperan os folgos. Están sentados xuntos. Cando se decatan, afástanse enfadados o un co outro) 
Roberto Salgueiro, Valentino Rufini e Âkil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can)

COMPRENSIÓN 


1. Indica que voces da lectura corresponden a estes significados. 
A. Mirar fixamente: ............
B. Sentar ben algo (unha peza de vestir, de calzado...): ............
C. Acción de abrir a boca involuntariamente a causa do sono, do aburrimento ou da fame: ............
D. Arácnido parasito que se agarra á pel de certos animais e se nutre do sangue que lles zuga: ............
E. Agocharse e encollerse dobrando as pernas ou as patas: ............
F. Capa de suciedade que se forma sobre algo: ............
G. Espada longa, fina, lixeira, flexible e sen gume: ............
H. Forzas, ánimos: ............

2. Indica que significan no texto estas expresións coloquiais. 
                                    «pides papas»: ............       «como che pete»: ............
                                            «abofé»: ............       «tanto me ten»: ............ 
— En parellas, revisade e corrixide as vosas definicións. 


3. Sinala se estes enunciados os di Valentino (V) ou Âkil (A). 
 • «Dáme as botas»: ....
 • «Pero que dis, incauto?»: ....
 • «Tedes piollos?»: .... 
 • «O galo cantou quiquiriquí...!»: .... 
 • «Que xesto insolente!»: .... 
 • «Non, non e non»: ....

4. Responde estas cuestións de forma razoada e apoiándote en palabras da lectura. 
• Vense reflectidas no texto as diferenzas de clase social e de orixe entre Valentino e Âkil? De que xeito?
• Como e a personalidade destes dous personaxes?
• Pensas que realmente os cuitos relixiosos que practican Valentino e Âkil son tan opostos? Por que?


5. Elixe o enunciado que, na túa opinión, sintetiza mellor o tema da lectura. 
A. A falta de entendemento entre cristiáns e musulmáns.
B. O fanatismo relixioso: un problema sen solución.
C. A superioridade da relixión cristiá fronte á musulmá. 
 Contrasta e comenta con outros compañeiros a túa resposta. 

REFLEXIÓN 


6. A lectura presenta a acción e os diálogos nun ton humorístico e paródico. Selecciona o fragmento ou fragmentos do texto que mellor exemplifiquen esta idea. Razoa a túa resposta. —En grupos, contrastade e comentade razoadamente as vosas respostas. 

CREACIÓN 

7. En grupos de tres, realizade unha lectura dramatizada do texto teatral anterior. 
 Repartide os personaxes: un fará de Valentino, outro de Âkil e outro de narrador (lendo as didascalias) 
 Ensaiade varias veces a lectura. Cómpre coidar a entoación e a expresividade acordes con cada personase. 
 Seguindo as quendas marcadas polo profesor ou profesora, facede cada grupo a lectura dramatizada do texto.

miércoles, 28 de marzo de 2012

Unha noite na ópera


Chegamos corenta minutos antes. Susi xantou na mina casa e ás seis papa achegounos no coche. O teatro está ateigado, a pesar de que aínda faltan case tres cuartos de hora.
No vestíbulo non cabe unha agulla e todo o mundo saúda a todo o mundo. En canto á vestimenta hai para todos os gustos. Aínda que a maioría viste de domingo.
Un acomodador uniformadísimo condúcenos ao palco, lateral, do primeiro andar. Compartímolo con dúas señoras moi elegantes. Dona Matilda leva razón, debrúzaste na varanda que é mol, como de veludo, e podes curiosear toda a sala.
—É estupendo! —exclama Susi—. Mellor que asomarte ao balcón da túa casa.
Soa o primeiro timbre e o patio de butacas comeza a se encher. A xente segue saudándose. Un timbrazo máis longo e o público acomódase nos asentos. Algúns consultan o programa.
—Vaites!... Non collemos os programas. Anda, rula, baixa.
—Pero se vai comezar.
—Chegas nun plis-plas, dáche tempo. Sen programa non imos saber de que vai. Ademais, hai que levarllo á señora.
Saio ao corredor, no extremo hai un acomodador que se ofrece solícito.
—Volva ao seu palco que eu lle irei por el.
—Non se moleste.
—Non é molestia, comeza nuns minutos.
A verdade, dáme moitísimo corte que este señor que parece un xeneral me traia o programa, pero non me atrevo a contradicilo.
—Moitas grazas.
—E os programas?
—Tráenolos o acomodador. Se vises que amable!
—Estás tola, nena. Ese o que busca é a propina, prepara os cartos.
Un terceiro timbrazo deixa a sala case ás escuras, so as luces do proscenio. Sae o director da orquestra e o público aplaude. O director saúda. O acomodador deixa os programas discretamente e o director ergue os brazos e move a batuta. Silencio. O director consulta a partitura e a orquestra inicia os primeiros acordes.
—E a abertura —murmura Susi.
O pano sobe paseniño. No primeiro entreacto saímos ao corredor. Susi comenta que a ópera non esta mal e que a tenor é unha pasada. A min paréceme marabillosa. Susi vai ao baño e adícome a miralo todo. O tempo pasa e Susi non regresa. Soa o primeiro timbre, Susi nin asoma. Entro e sento. Segundo timbre. Susana debeu caer polo váter.
Sae o director de orquestra. Aplausos.
—Patri —sacódeme Susi que por fin volve—, Patri...
—Shhh —a señora da butaca contigua cabrease—. Cala! Non se pode falar.
—Veña, Patri. Vas caer de cu cando saibas o que vin.
Susi desespérase, pero non lle fago nin caso. Resígnase.
Esta a piques de finalizar o segundo acto cando Susi me sacode outra vez.
—Veña, imos antes de que saia a xente... E agárrate que hai curvas.
—Xa sei —respondo baixiño porque as señoras non nos quitan ollo—, vou caer en canto vexa o que ti viches.
—O que vin, non, senón a quen vin. Acabo de ver a Alexandra
Quedáseme o corazón pendurado dun fío. Non, non pode ser, é imposible.
—A quen?
—Shhh!
A tiple vai cantar unha aria, pero Susi xa non resiste, arrástrame fóra e sae a fume de carozo. Corro tras dela que vai coma un lóstrego.
Agarda. Que dixeches? Que viches a Alexandra? Non o creo. Queres esperar, estúpida!
Solto todo iso sen respirar. Porén, Susi non vai mais amodo, nin sequera me responde.
—Oes, Susi, a onde vas?
Percorremos todo o corredor. Susi sobe unhas escaleiras laterais, estamos noutro andar, Susi segue e volvemos subir outras escaleiras.
—A onde imos? A este paso chegaremos ao tellado.
A planta seguinte ten un corredor manta mais estreito e non se ve nin unha alma.
—Agora comprendo por que tardaches un ano. Non sabia que te adicases a explorar. Queres parar dunha vez!
Pero Susi é un trebón.
—Susanaaaa!
Detívose. Por fin!
Está parada diante dunha fotografía. Todo o andar está cheo de fotos. Son fotografías de óperas, distintos momentos das representacións: Otelo cravando o puñal..., A italiana en Alxer..., o bufón de Rigoletto...
Susi parouse diante dunha foto enorme. É unha muller, unha muller de corpo enteiro. A muller leva un vestido azul, unha pamela e un ramo de flores. Na parte superior o nome da ópera: La traviata.
—É Violeta, a dama das camelias —afirmo coma se fose unha entendida.
—É Alexandra.
E antes de que termine de dicilo, xa me decatei. Dende a Pamela e o vestido azul, Violeta-Alexandra contémplanos.
Lola Gándara, Alexandra

COMPRENSIÓN
1. Define, coas túas palabras, estas voces da lectura.
ateigado - solícitodebruzarse - mol - veludo - pamela
  Revisa as túas definicións comparándoas coas dun bo dicionario.
2. No texto abundan expresións propias da lingua coloquial. Ofrece catro exemplos e indica o significado de cada un.
3. A acción sitúase no interior dun teatro durante o comezo dunha ópera. Tira do texto todo o léxico referido ao espazo do teatro e a representación dunha opera.
— En pequenos grupos, revisade e ampliade as vosas listaxes.
4. Selecciona a opción que completa correctamente cada enunciado.
• As rapazas chegaron cunha antelación de...
     A: 20 minutos.     B: 10 minutos.     C: 40 minutos
• As rapazas compartían aquel palco con...
     A: dúas señoras elegantes.    B: o seu profesor de música.    
C: un descoñecido.
• Durante o primeiro entreacto da Opera, Susi...
     A: foi comprar auga.     B: foi ao baño.     
C: foi tomar o aire á rúa.
• Atoparon fotos de óperas como A italiana en Alxer, Rigoletto ou...
     A: Turandot.    B: A traviata.    
C: Tosca.
5. Completa estas táboas sobre os dous personaxes principais da lectura. Xustifica a túa resposta con fragmentos do texto.
REFLEXIÓN


6. Organizade un coloquio na aula sobre a ópera e outros espectáculos. Podedes comentar nel cuestións coma estas:
Asistides a espectáculos con frecuencia? A cales? Que tipo de espectáculos vos gustan máis? Por que? Gustaríavos asistir a unha ópera? Por que?
CREACIÓN


7. En grupos, facede unha investigación sobre a ópera. Cada grupo centrarase nun ámbito diferente. Por exemplo:
As orixes do xénero.
• Grandes autores operísticos da historia e as súas obras máis importantes.
• Grandes interpretes: tenores, sopranos...
• As óperas en galego.
• Partes e compoñentes dunha ópera.
—Compre acudirdes a todo tipo de fontes: enciclopedias, libros especializados, Internet...
—Finalmente, presentade todos os grupos, a través de portavoces, o resultado das vosas pescudas.

martes, 20 de marzo de 2012

A desaparición de Apolo


Os operarios do concello traballaban a marchas forzadas ás ordes do comisario da exposición, don Lucas Delgado. Colocaran a maioría dos cadros: á dereita, os relacionados coa familia de Filipe IV; á esquerda, os de temas relixiosos e mitolóxicos. Deixaron o centro para A fragua de Vulcano que recollía a visita do adolescente deus Apolo á forxa de Vulcano (onde traballaba cos ciclopes) para lle comunicar que Venus, a súa muller, andaba en amores con Marte, deus da guerra.
—Que marabilla! —exclamou o señor Delgado contemplando deslumbrado o cadro do deus do lume e da forxa. 
Os operarios do concello acudiron a onde estaba don Lucas. Puxéronse de par súa, pero un deles quedou uns metros máis atrás. Daquela un intenso nimbo' de luz, saíndo da cabeza do deus Apolo, deulle de cheo na cara e non lle permitiu contemplar a escena. 
Abraiado, mudou para a esquerda e ficou pasmado outra volta ao comprobar que Apolo movía a cabeza e o seguía coa vista. 
—«Será un efecto máis buscado por Velázquez» —pensou para si sen se atrever a comentalo cos compañeiros. 
Virou logo para a dereita e o deus comezou a choscarlle o ollo. O aglaio foi a máis cando reparou en que o burlón Apolo recollía o dedo índice e estendía o do medio, facendo un inxurioso aceno de mala lei co que aumentaba a sorpresa dos ciclopes e do mesmo deus Vulcano. 
—Quedou todo moi ben! — celebrou o comisario. 
Sen máis aquel, os operarios do concello apresuráronse a saír para a final de fútbol do trofeo Cidade de Faro. Ao finalizar o encontro tería lugar a solemne inauguración da exposición por parte do presidente da Xunta. 
Don Lucas Delgado, garboso da resonancia que estaban a ter os actos organizados na cidade, volveu para o interior da sala de exposicións. Colleu unha cadeira e sentouse para admirar polo miúdo A fragua de Vulcano
Susto! Esparamexo! Berro estentóreo
O cadro estaba deteriorado! Había un espazo en branco! Que ocorrera co deus Apolo?! 
O secretario do Casino acudiu axiña. Non se fixou no cadro. Atendeu ao comisario. 
—Que lle pasou? —interrogou. 
O comisario non contestou. Non acababa de crer o sucedido. Deluvou os ollos con forza. —Isto é incrible! —soltou ao fin. 
Era imposible! A fragua de Vulcano estaba estragada: faltaba o deus Apolo, e Vulcano e máis os ciclopes ollaban perplexos de cara a nada. 
Ergueuse o comisario da cadeira e precipitouse onda o delegado do Museo do Prado, que aínda estaba preto da entrada. 
—Esta seguro de que... estes son os cadros da exposición? —inquiriu desconfiado e sudoroso. 
O delegado do Museo fitouno con desperezo. 
—Perdoe vostede, pero... aquí hai algo raro —sincerouse don Lucas. As gotas de suor perláronlle a fronte—. E se por unha casualidade... viñese defectuoso algún dos cadros importantes, que pasaría? 
—Non diga parvadas! —recriminou o do Museo—. Iso e imposible. Velaquí a certificación notarial de que todo se empaquetou en perfecto estado. Ademais viñemos escoltados pola policía todo o camiño. A normativa para transportar obras de arte esixe unha garda permanente que eu mesmo lles dei. Os precintos de todos os cadros confirman que non houbo manipulacións. 
Don Lucas Delgado comezou a tremer. 
—Pero, que ocorreu? —preguntoulle o delegado do Museo—. Nótoo... moi alterado. 
—Naaada... nada. Non ocorreu nada —mentiu. 
O delegado do Museo marchou confuso, desconcertado. Por que Ile vinan con aquelas cousas? 
Entre tanto o comisario chamou a escape ao secretario do Casino e contoulle o caso ás agachadas. Foron os dous correndo ata onda o cadro. 
—E mais si! —exclamou o secretario, alarmado—. Nunca tal vin nos meus anos! Mira que graciosos están Vulcano e mais os ciclopes! Parecen que aparvearon vendo a fuxida de Apolo! 
—Cale xa —increpou o comisario—. Déixese de chanzas, Non estamos para bromas. Teño que ver de atopar unha solución. 
O secretario tornou serio. 
—O malo e o pouco tempo que falta para... —insinuou. 
—Xa sei que e moi urxente, que así non pode quedar, que... Non debín buscar axuda en persoas inútiles —encarraxouse o comisario. 
E, acto seguido, foi á súa casa. Pechouse no seu despacho. Cavilou. Matinou. Cismou. Botou man á axenda. Nun folio en branco anotou teléfonos, nomes, enderezos, contactos. Colleu a guía telefónica. Volveu anotar máis teléfonos, máis nomes, mais contactos. Eran datos de asesores en lenzos, restauradores, catedráticos ou entendidos en pintura, persoas a quen acudir para esclareceren convincentemente algo insólito: a fantasmal ausencia de Apolo dun cadro onde el era a figura principal. Incluía, tamén, referencias de investigadores privados. Remarcou en vermello o letreiro de «Véritas», a axencia de detectives que dirixía o seu amigo Sito Pescudo. 
Na cidade estaba tamén a profesora Úrsula Becker, a coñecida experta na obra de Velázquez. Don Lucas subliñou o seu nome. 
COMPRENSIÓN 

1. Asocia cada voz da lectura co seu significado. 
A. abraiado · B. garboso · C. perlar · D. chanza · E. cavilar
... Cubrir o salpicar algo de pingas. 
... Dito gracioso para burlarse ou rirse de alguén. 
... Que amosa aprecio esaxerado cara a si mesmo. 
... Pensar con insistencia. 
... Que sente estrañeza ou sorpresa ante algo inesperado, inusual, extraordinario. 
— Algunhas das palabras anteriores ofrecen outras voces sinónimas na propia lectura. Localízaas. 

2. Indica que significan no texto estas expresións coloquiais. 
  • «de par súa»: ....................... 
  • «sen mais aquel»:............ 
  • «de mala lei»: ........................ 
  • «a escape»: .......... 
3. Tira do texto todo o léxico referido a profesións, ocupacións e cargos. 
— En parellas, revisade e ampliade as vosas listaxes. 

4. Ordena con números os seguintes feitos segundo se fosen sucedendo na lectura. 
.... O delegado do Museo marchou confuso e desconcertado.  
.... Lucas Delgado sentouse para admirar o cadro de Velázquez.  
.... Lucas Delgado remarcou o anuncio da axencia de detectives.  
.... Os operarios saíron ás présas para a final de fútbol.  
.... O operario comprobou como o deus Apolo o seguía coa vista.  
.... Lucas Delgado colleu a axenda e anotou contactos de interese. 

5. Responde razoadamente estas afirmacións. 
  • Que escena representa o cadro A fragua de Vulcano
  • Como reaccionou Lucas Delgado cando descubriu a fuga de Apolo?
  • E como reaccionaron os demais personaxes do cadro? 

REFLEXIÓN



Fogares intelixentes



Se hai tan só uns poucos anos a domótica parecía formar parte da ficción científica, na actualidade comeza a estar presente nun crecente número de fogares.
O seu obxectivo: aumentar o confort, o benestar e a seguridade dos seus habitantes. Cando se fai referencia ás tecnoloxías que fan posible a vivenda intelixente, moitos pensan que se trata de algo próximo á ficción científica e que tardarán décadas en posuír unha aplicación real. Por este motivo, considerouse que todas elas forman a coñecida como casa do futuro. Non obstante, agora máis ca nunca se debe falar da casa do presente. 
Numerosas firmas de electrónica de consumo, compañías de informática e operadoras de telecomunicacións como LG, Samsung, Electrolux, Cisco Systems, HP, Telefónica, Ericsson, Philips ou Zanussi están dando a coñecer unha ampla gama de electrodomésticos, ordenadores, dispositivos electrónicos e redes de comunicación que, lonxe de pertencer ao futuro forman parte do presente máis actual.
Todo baixo control 
A principal característica de todas as iniciativas presentadas e que inclúen algún elemento domótico. Pero, que significa esta palabra da que tanto se esta a falar? E un galicismo orixinado pola voz domotique, que, a súa vez, provén etimoloxicamente do latín domus (casa) e de robotique (robótica). A definición máis directa de domótica sería, polo tanto, a de casa robotizada. Para ser aínda máis concretos, o dicionario Larousse define domótica como ‘concepto de vivenda que integra todas as funcións en materia de seguridade, xestión de enerxía, facilidades de comunicación, control de automatismos’. 
Tomando como punto de partida esta definición pódese dicir que unha vivenda domótica, tamén coñecida como «casa intelixente», sería aquela que pose unha instalación de control integrado de determinados mecanismos automatizados destinados a mellorar a seguridade, o confort e o aforro enerxético. 
Un cerebro electrónico 
Nunha casa domótica ou intelixente todos os dispositivos están conectados a rede eléctrica (microondas, lavadora,
calefacción, aire acondicionado, persianas, luces e alarma de seguridade, entre outros). Estes comunícanse entre si e o control de todos eles ten lugar a través dunha unidade ou cerebro central, encargada de obter información e canalizar as ordes de acendido e apagado. 
Esta unidade central, situada na propia vivenda, pode tamén manexarse a través de Internet ou dun telefono móbil. Pode tratarse dunha pantalla táctil do tamaño dun libro que se leva a calquera lugar dentro do fogar ou un pequeno display que se sitúa no frontal do frigorífico ou na entrada da casa. 
Un fogar para soñar 
Este cerebro permite programar o funcionamento de todos os aparellos da casa: apagar todas as luces ao mesmo tempo cando o último inquilino sae da casa, subir a persianas pola mañá para que entren os primeiros raios de luz, espertar os habitantes can suave fío musical, poñer a cafeteira en marcha, encher a auga da bañeira a temperatura desexada, acender a calefacción polas noites para reducir o consumo enerxético... 
A través de Internet ou do móbil 
Loxicamente, todas estas accións pódense facer cando o seu propietario non se atopa na casa, ben desde Internet ou desde un telefono móbil. Unha simple mensaxe SMS abonda por exemplo, para que o forno comece a cociñar o asado que se deixou preparado a noite anterior ou regar as flores do xardín desde o lugar de vacacións. 
A seguridade ante todo 
Un dos principais obxectivos das tecnoloxías que forman parte da vivenda intelixente e conseguir que o fogar sexa un espazo máis seguro. 
Algunhas das posibilidades son: incorporar detectores de seguridade ante a entrada de intrusos ou sensores de gas, lume, fume ou auga que pechan a válvula correspondente onde se produciu o escape e avisan o usuario mediante unha mensaxe SMS e aos servizos de urxencia. 
As casas de nova creación xa están empezando a incorporar pequenas cámaras na maioría dos cuartos, que se atopan conectados permanentemente á Rede. Estas imaxes pódense ver dende calquera ordenador con Internet. Así, é posible, por exemplo, comprobar o que fan os máis pequenos ou comprobar o estado do xardín. 
Un investimento rendible 
O custo de incluír no fogar algún elemento domótico non supón un enorme desembolso para o usuario. A estandarización dos sistemas e o descenso dos prezos dos distintos dispositivos (sensores, módulos de control, pasarelas de comunicación...), fai cada vez máis factible a súa instalación, tanto en novas vivendas coma nas xa construídas. Segundo diversas empresas españolas que poñen en marcha proxectos de casas intelixentes o custo de robotizar unha nova vivenda so supón un aumento do 1 ao 3% do seu prezo original. 
www.repsol.com

COMPRENSIÓN

1. Ofrece un ou varios sinónimos destas voces da lectura. 

confort - ..............        espertar - ..............
decada - ..............        conseguir -................... 
gama - ..............        factible -.................. 
concretos - ..............        aumento -.............. 

2. No texto menciónanse numerosos elementos relativos a electrodomésticos e aparellos do fogar. Tira todos os exemplos que poidas. 
— En parellas, revisade e ampliade as vosas listaxes. 

3. Tendo en conta a información da lectura, elixe a opción que completa adecuadamente cada enunciado. 
  • Entre as compañías que están a ofrecer dispositivos domóticos están LG, Samsung, Electrolux, HP, Telefónica, Philips ou... 
                 A) Zanussi. B) Sony. C) Nokia. 
  • Un dos elementos que forman o galicismo domotique é a voz latina domus, que significa... 
                 A) aparello. B) casa. C) dono. 
  • O aumento do prezo dunha vivenda domótica respecto dunha convencional é dun... 
                 A) 25%. B) 10%. C) 1-3%. 

4. A reportaxe divídese en partes cos seus correspondentes títulos. Comenta razoadamente a relación entre cada título e o contido da súa parte. 

5. Tira do texto unha definición completa e precisa de «vivenda domótica». 


EXPRENSIÓN

6. Tendo en conta as respostas que deches as cuestións previas á lectura, escribe un texto no que expoñas a túa opinión razoada sobre as «vivendas domóticas». 
— En grupos, lede en voz alta os textos que creastes. Comentade despois semellanzas e diferenzas entre eles. 


CREACIÓN

7. Indica cal destas frases célebres che parece máis acaída respecto do tema da lectura: 
  • O verdadeiro progreso é o que pon a tecnoloxía ao alcance de todos. Henry Ford (1863-1947), industrial estadounidense. 
  • A máquina veu quecer o estómago do home mais enfriou o seu corazón. Miguel Delibes (1920-2010), escritor español. 
  • A palabra progreso non ten sentido ningún mentres haxa nenos infelices. Albert Einstein (1879-1955), científico alemán. 
  • Se as cousas seguen así, ao home atrofiaránselle todas as súas extremidades agás os dedos de pulsar os botóns. Frank Lloyd Wright (1886-1959), arquitecto estadounidense.
 Comentade despois, entre todos, que frase vos pareceu mellor e por que.